Friday 03 de May de 2024

A borrasca “Domingos” obriga a suspender as competicións deportivas previstas para o sábado 4 nas instalacións ao aire libre


Galicia quedará este sábado 4 na influencia da borrasca Domingos, que deixará unha situación de temporal de chuvia e vento ao seu paso pola nosa comunidade. O Centro Integrado de Emerxencias 112 Galicia vén de declarar o nivel de alerta LARANXA para distintos concellos, entre os cales se atopa o de Carballo, por fenómenos meteorolóxicos adversos conforme á información proporcionada pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET).

Esta declaración de alerta recomenda ás distintas Administracións Públicas e entidades a adopción das medidas preventivas necesarias para evitar posibles situacións de risco. Neste sentido, o Concello de Carballo decidiu que as instalacións deportivas o aire libre (campos de fútbol municipais e pistas polideportivas de exterior) permanezan PECHADAS durante a xornada do 4 de novembro; polo tanto, suspenderanse todos os partidos previstos para este día nestas instalacións.

Sempre e cando non se produza un empeoramento das condicións meteorolóxicas que aconsellen o contrario, as instalacións deportivas de interior (pavilllóns deportivos e piscinas) permanecerán ABERTAS para o desenvolvemento dos partidos de competición oficial e a actividade deportiva habitual, extremando as medidas de seguridade necesarias para o acceso ás mesmas.

Desde o Concello de Carballo recomendamos evitar os desprazamentos por estrada mentres se manteña o nivel de alerta laranxa. Ante calquera situación de emerxencia chama ao 112.